Foro- Ciudad.com

San Millao - Orense

Poblacion:
España > Orense > San Millao (Cualedro)
31-08-08 17:50 #1126548
Por:No Registrado
o ano que ven xogaremos a "os vintes"
Manuel Rivero Pérez
(Licenciado en Ciencias Políticas e Socioloxía)
Hai que desandar o tempo, por volta de cuarenta anos, para poder visualizar as xustas e torneos que en Cualedro, A Xironda, San Millán, Lucenza, A Pedrosa, A Saceda e demais lugares arraianos se practicaba con asiduidade este entretido e lúdico deporte: dos vintes.
Afortunadamente, neste momento permanecen vivas dúas fontes de información moi valiosas, que son o tempo e o espacio, encarnadas na memoria e na toponimia, que o tempo vai diluíndo, se non se pon remedio.

- A memoria: As persoas maiores viviron intensamente os vinte. Contarmos co seu talento é un privilexio á hora de levantar a información referente aos mesmos. No seu relato rezuma unha sensación agri-doce; agria, ao ver que todo está perdido, e ao mesmo tempo doce, porque rememoran tempos mozos, de boa veciñanza e de divertimento.

A súa memoria atrapou o tempo. Así, homes (e mesmo mulleres) descrébenos con entusiasmo a destreza dos xogadores, os elementos do xogo, a bóla, os vintes, o espazo físico, o punto de saída, o burato, a pedra dos vinte, a raia, as normas do xogo; tamén nos falan da época do ano que se practicaba con máis intensidade, do premio, das disputas, das competicións coas aldeas viciñas e da afición ou rivalidade, que ao mesmo tempo, se daba entre eles.

Utilizan todos os recursos da comunicación para recrear e dar de novo vida aos vinte. Entre eles destacamos os lingüísticos (cos diferentes tons de voz, silencios, xetos); por veces tamén recorren ás explicacións gráficas ao deseñar no chan o escenario do xogo.

- A toponimia: A pegada da súa importancia continúa viva no espazo onde se practicaba o xogo; éste conserva o seu nome a eira dos vinte; eiras que por fortuna aínda podemos encontrar na Xironda, a Saceda ou en San Millán.

Estes espazos singulares non só perderon a súa función, senón que tamén ocultaron parte do seu simbolismo, ao recubrir con cemento, nos últimos anos, as eiras onde se practicaba. Esta actuación do “progreso” silenciou os elementos que aínda permanecían vivos dos vinte, tales como a pedra de saída, a da parte central onde se colocaban os vinte e a liña a ultrapasar.



O TEMPO, A IDADE, O PREMIO, O XÉNERO E O MODO

Os vinte era un deporte ao ar libre. A súa práctica ía asociada ao bo tempo e máis á intensidade do traballo agrícola, é decir, comezaba coa primavera e decaía no outono. Os días axeitados para xogar, eran os domingos e festivos. O escaso tempo de lecer que deixaba o intenso traballo agrícola era en certo modo ocupado polos vinte. O xogo era a mellor terapia para romper coa rotina e co cansazo da semana.

A idade de iniciación dos participantes comezaba por volta dos quince anos, deixándose de practicar ao redor dos corenta. É un xogo que vai asociado á forza física, comezando a practicarse na adolescencia, acada a plenitude na mocedadede e vaise deixando na medida en que van decaíndo as forzas físicas.

Alén diso, era un deporte de homes; as mulleres estaban para animar, meter presión ao contrario, gozando do ritual e do escenario.

O premio consistía nuns “cuartillos” de viño, aínda que últimamente xa se xogaban cervezas. Ao equipo perdedor correspondía pagar.

Tratábase dun xogo moi dinámico, que dependía da lei da oferta e da demanda, é decir, se había catro xogadores, facíase un equipo de dous contra dous; se había seis, tres contra tres; se son oito, catro contra catro; se doce, seis contra seis. En todo o momento a oferta adaptábase á demanda. Obligatoriamente tiñan que seren pares para poder facer os equipos.

A duranción da partida dependía da destreza dos xogadores; o equipo que primeiro acadaba cen puntos era o que gañaba a partida. Na medida que se fan puntos con facilidade, mediante acordo dos participantes, incrementábase a dificultade, ao alonxar a distancia a ultrapasar cos vintes e máis coa bóla.


MATERIAL E ESCENARIO:

O material necesario para disputar a partida gardábase nunha casa do lado da eira, ou nunha esquina da mesma.

Tratábase de:

- once paus, duns vinte centímetros de alto, con forma de estadullo. A súa base e redonda e vai perdendo volumen até acabar en punta afiada.

- dúas bólas de madeira; poden ser de carballo, amieiro ou freixo, dun tamaño similar a unha bóla mediana de fútbol.


O escenario era un espazo plano, identificado como a eira dos vintes. Constaba cos seguintes elementos fixos:

- marca da colocación do xogador para lanzar a bóla. Ésta era unha pedra plana, de forma cudrada ou rectangular, enterrada no chan, en que o xogador tiña que colocar o pé dereito.

- burato redondo, duns cincuenta centímetros aproximadamente de diámetro, feito na terra a uns centímetros da pedra de colocación do xogador. A súa misión era a de facilitar un maior pulo da bóla cando se lanzaba sobre os vintes. Este efecto consiguíase no momento do lanzamento, por dous motivos: ao xirar o corpo e inclinalo para adiante, estando o pé dereito fixo na pedra e estando o pé esquerdo xirando até caer no burato, ao estar este máis baixo o xogador reforza a tirada, por ser capaz de aproveitar as sinerxías do pulo e do movemento do corpo. Esta coordenación de movementos incrementa a forza e a precisión do lanzamiento; é moi similar ao que fan os lanzadores de peso na actualidade.


- pedra plana para situar os vintes: Está ubicada no medio da eira, a uns oito pasos da pedra de tirada. As súas medidas oscilan entre os dous metros de lado por un metro de largo. Está enterrada no chan, levantando uns tres centímetros da superficie. A colocación dos vintes, faise en semicírculo mirando a parte interna cara ao xogador; éstes sitúanse moi xuntos uns dos outros e para que permanezan de pé para a tirada, utilízase bosta de vaca na base dos mesmos, que fai as veces de suave pegamento.

- Liña de meta: pode ser fixa ou movible. Ésta consiste nunha raia a trinta pasos da pedra do medio. Esta distancia depende da pericia dos xogadores. Canto máis peritos son, máis arredan a mesma, para incrementaren a dificultade e gañar en emoción o xogo. É o momento de pór a proba as extraordinarias capacidades dos participantes.



NORMAS

Para que a tirada for válida, a bóla ten de traspasar totalmente a liña de meta; cada vinte que ultrapase esa liña, acada un valor de dez puntos. A partida remata cando se consigan cen puntos; se ultrapasan os vintes máis non pasa a bóla, non ten validez; o xogador arroula, (non suma puntos) e cede a tirada ao contrario. Despois da tirada, se quedar algún vinte de pé, o xogador fai a tirada do revés; cada vinte que tire vale un punto e se tira máis que o contario, collíalle a mau, e decir, pasa a tirar en primeiro lugar.

A habilidade está en tirar con forza cara a base dos vintes, para conseguir que pasen a maior parte deles, xunto coa bóla a liña de meta.

As discusións podían radicar nos puntos acadados, ou pola posición dalgún vinte ou da bóla, se é que ésta tocaba a raia e non se daba o punto por válido. A conta dos puntos era levaba por algunha persoa do público; ora un home de maior idade ora persoa seria en quen se podía confiar. A él tamén acudían se había dúbida sobre a posición dalgún vinte, ou se a bóla ultrapasara ou non a liña de meta.

De maneira lenta, mais efectiva, case sen decatármonos, imos perdendo os nosos xogos populares; as novas xeneracións xa non coñecen a porca, os vintes, a petanca, as pedriñas ou a billarda. Todos eles fixeron parte da forma de ser e de estar dos nosos pais, avós e de toda a estirpe de devanceiros. Nestes xogos permanece un forte sustrato de pobos primitivos que durante moitos séculos foron capaces de permanecer vivos. Chegaron os últimos cincuenta anos da nosa historia para mandalos para o esquecemento.

Un pobo enferma cando non é capaz de cuidar o seu patrimonio; os xogos populares son unha parte moi importante desa riqueza; é o momento de que todos nos poñamos a andar para querelos, valoralos, recuperalos e practicalos; trátase de darlle o valor que merecen e socializar aos máis novos na práctica e goce dos mesmos.
Puntos:

Tema (Autor) Ultimo Mensaje Resp
Dende San Millao con amor Por: No Registrado 21-07-09 13:04
No Registrado
1
QUE VOS PAREZA? Por: No Registrado 16-09-08 20:54
No Registrado
1
a voz de galiza Por: No Registrado 13-09-08 18:39
No Registrado
0
3000 Euros pra reparar a iglesia Por: No Registrado 31-08-08 21:42
No Registrado
0
Simulador Plusvalia Municipal - Impuesto de Circulacion (IVTM) - Calculo Valor Venal
Foro-Ciudad.com - Ultima actualizacion:07/08/2020
Clausulas de responsabilidad y condiciones de uso de Foro-Ciudad.com