Foro- Ciudad.com

A Xironda - Orense

Poblacion:
España > Orense > A Xironda (Cualedro)
28-10-05 23:20 #126633
Por:A´Maranta

As Póitigas
Dende hai ben tempo, xa nos rondaba polos miolos a ideia de crear unha asociación ou algún movemento similar para intertar dar o noso parecer sobre o desenvolvemento que estaba a acontecer na nosa Xirondiña, para dar a coñecer a opinión de unhas xeracións que, o fin e o cabo, habíamos de herdar o patrimonio tal como o estaban estragando, dando a coñecer a inobservancia das mínimas medidas para a preservación do noso património histórico, cultural e medioambiental que estaba a provocar a desaparición de estes tres factores. O patrimonio histórico e medioambiental estaban a se desquebraxar polo patético xeito de ordenar e xestionar o agrupamento de terreos privados en outros terreos "un chisco maiores", asolando para elo cunha terra un día fertil e aproveitada, soterrando valados de pedra que tanto traballo levaron os nosos antergos para erguer, orixinando con elo regueiros subterráneos que deixan fuxir a capa freática (auga subterránea) cos inconvintes que esto provoca, desaparición de fontes e mananciais e merma dos cauces dos ríos. Tamén se desviaron cauces de ríos por aquelo de que as parcelas vaian cos marxes dereitiños", co problema que elo provoca na climatoloxía local, pois esta medida e maila de arrumbar coas árbores centenarias que neste val se erguían, provocan unha merma nas precipitacións na zona, por falla de humidade, convirtindoa nunha colmeas de terreos poligonais, observada enton con un afán de mellora de calidade de vida, coa crenza de que así sería mais doada a labor no agro, e así o foi mentres se traballou, non penseando en nos, os que derradeiramente herdaremos os polígonos que nos tempos adoitaron facer. No eido cultural tamén se quixo dar un paso para preservar e recuperar actividades e prácticas de lecer que xa só os maiores lembraban, fortalecendo en parte con esta medida a relación das distintas xeracións, participando todos en xogos e enredos rescatados en moitos casos do pasado.
E esto é mais ou menos os pormenores que nos levaron a crear a Asociacion Cultura AS POITIGAS. Se queres ser soci@, so tes que mostrar o teu interes neste foro, debendo saber que has de facer unha aportación de 10 € para manteñemento da devandita asociacion e organizacion de actos nos distijntos eventos que se realizarán.
saudos dende A Xironda
Puntos:
27-01-06 13:25 #174590 -> 126633
Por:No Registrado
RE: fomenta-los xogos populares
XOGOS POPULARES NA MEMORIA: OS VINTE 14.12.05 - 01:24
por lois pardo
Manuel Rivero Pérez
(Licenciado en Ciencias Políticas e Socioloxía)

Hai que desandar o tempo, por volta de cuarenta anos, para poder visualizar as xustas e torneos que en Cualedro, A Xironda, San Millán, Lucenza, A Pedrosa, A Saceda e demais lugares arraianos se practicaba con asiduidade este entretido e lúdico deporte: dos vintes.
Afortunadamente, neste momento permanecen vivas dúas fontes de información moi valiosas, que son o tempo e o espacio, encarnadas na memoria e na toponimia, que o tempo vai diluíndo, se non se pon remedio.

- A memoria: As persoas maiores viviron intensamente os vinte. Contarmos co seu talento é un privilexio á hora de levantar a información referente aos mesmos. No seu relato rezuma unha sensación agri-doce; agria, ao ver que todo está perdido, e ao mesmo tempo doce, porque rememoran tempos mozos, de boa veciñanza e de divertimento.

A súa memoria atrapou o tempo. Así, homes (e mesmo mulleres) descrébenos con entusiasmo a destreza dos xogadores, os elementos do xogo, a bóla, os vintes, o espazo físico, o punto de saída, o burato, a pedra dos vinte, a raia, as normas do xogo; tamén nos falan da época do ano que se practicaba con máis intensidade, do premio, das disputas, das competicións coas aldeas viciñas e da afición ou rivalidade, que ao mesmo tempo, se daba entre eles.

Utilizan todos os recursos da comunicación para recrear e dar de novo vida aos vinte. Entre eles destacamos os lingüísticos (cos diferentes tons de voz, silencios, xetos); por veces tamén recorren ás explicacións gráficas ao deseñar no chan o escenario do xogo.

- A toponimia: A pegada da súa importancia continúa viva no espazo onde se practicaba o xogo; éste conserva o seu nome a eira dos vinte; eiras que por fortuna aínda podemos encontrar na Xironda, a Saceda ou en San Millán.

Estes espazos singulares non só perderon a súa función, senón que tamén ocultaron parte do seu simbolismo, ao recubrir con cemento, nos últimos anos, as eiras onde se practicaba. Esta actuación do “progreso” silenciou os elementos que aínda permanecían vivos dos vinte, tales como a pedra de saída, a da parte central onde se colocaban os vinte e a liña a ultrapasar.



O TEMPO, A IDADE, O PREMIO, O XÉNERO E O MODO

Os vinte era un deporte ao ar libre. A súa práctica ía asociada ao bo tempo e máis á intensidade do traballo agrícola, é decir, comezaba coa primavera e decaía no outono. Os días axeitados para xogar, eran os domingos e festivos. O escaso tempo de lecer que deixaba o intenso traballo agrícola era en certo modo ocupado polos vinte. O xogo era a mellor terapia para romper coa rotina e co cansazo da semana.

A idade de iniciación dos participantes comezaba por volta dos quince anos, deixándose de practicar ao redor dos corenta. É un xogo que vai asociado á forza física, comezando a practicarse na adolescencia, acada a plenitude na mocedadede e vaise deixando na medida en que van decaíndo as forzas físicas.

Alén diso, era un deporte de homes; as mulleres estaban para animar, meter presión ao contrario, gozando do ritual e do escenario.

O premio consistía nuns “cuartillos” de viño, aínda que últimamente xa se xogaban cervezas. Ao equipo perdedor correspondía pagar.

Tratábase dun xogo moi dinámico, que dependía da lei da oferta e da demanda, é decir, se había catro xogadores, facíase un equipo de dous contra dous; se había seis, tres contra tres; se son oito, catro contra catro; se doce, seis contra seis. En todo o momento a oferta adaptábase á demanda. Obligatoriamente tiñan que seren pares para poder facer os equipos.

A duranción da partida dependía da destreza dos xogadores; o equipo que primeiro acadaba cen puntos era o que gañaba a partida. Na medida que se fan puntos con facilidade, mediante acordo dos participantes, incrementábase a dificultade, ao alonxar a distancia a ultrapasar cos vintes e máis coa bóla.


MATERIAL E ESCENARIO:

O material necesario para disputar a partida gardábase nunha casa do lado da eira, ou nunha esquina da mesma.

Tratábase de:

- once paus, duns vinte centímetros de alto, con forma de estadullo. A súa base e redonda e vai perdendo volumen até acabar en punta afiada.

- dúas bólas de madeira; poden ser de carballo, amieiro ou freixo, dun tamaño similar a unha bóla mediana de fútbol.


O escenario era un espazo plano, identificado como a eira dos vintes. Constaba cos seguintes elementos fixos:

- marca da colocación do xogador para lanzar a bóla. Ésta era unha pedra plana, de forma cudrada ou rectangular, enterrada no chan, en que o xogador tiña que colocar o pé dereito.

- burato redondo, duns cincuenta centímetros aproximadamente de diámetro, feito na terra a uns centímetros da pedra de colocación do xogador. A súa misión era a de facilitar un maior pulo da bóla cando se lanzaba sobre os vintes. Este efecto consiguíase no momento do lanzamento, por dous motivos: ao xirar o corpo e inclinalo para adiante, estando o pé dereito fixo na pedra e estando o pé esquerdo xirando até caer no burato, ao estar este máis baixo o xogador reforza a tirada, por ser capaz de aproveitar as sinerxías do pulo e do movemento do corpo. Esta coordenación de movementos incrementa a forza e a precisión do lanzamiento; é moi similar ao que fan os lanzadores de peso na actualidade.


- pedra plana para situar os vintes: Está ubicada no medio da eira, a uns oito pasos da pedra de tirada. As súas medidas oscilan entre os dous metros de lado por un metro de largo. Está enterrada no chan, levantando uns tres centímetros da superficie. A colocación dos vintes, faise en semicírculo mirando a parte interna cara ao xogador; éstes sitúanse moi xuntos uns dos outros e para que permanezan de pé para a tirada, utilízase bosta de vaca na base dos mesmos, que fai as veces de suave pegamento.

- Liña de meta: pode ser fixa ou movible. Ésta consiste nunha raia a trinta pasos da pedra do medio. Esta distancia depende da pericia dos xogadores. Canto máis peritos son, máis arredan a mesma, para incrementaren a dificultade e gañar en emoción o xogo. É o momento de pór a proba as extraordinarias capacidades dos participantes.



NORMAS

Para que a tirada for válida, a bóla ten de traspasar totalmente a liña de meta; cada vinte que ultrapase esa liña, acada un valor de dez puntos. A partida remata cando se consigan cen puntos; se ultrapasan os vintes máis non pasa a bóla, non ten validez; o xogador arroula, (non suma puntos) e cede a tirada ao contrario. Despois da tirada, se quedar algún vinte de pé, o xogador fai a tirada do revés; cada vinte que tire vale un punto e se tira máis que o contario, collíalle a mau, e decir, pasa a tirar en primeiro lugar.

A habilidade está en tirar con forza cara a base dos vintes, para conseguir que pasen a maior parte deles, xunto coa bóla a liña de meta.

As discusións podían radicar nos puntos acadados, ou pola posición dalgún vinte ou da bóla, se é que ésta tocaba a raia e non se daba o punto por válido. A conta dos puntos era levaba por algunha persoa do público; ora un home de maior idade ora persoa seria en quen se podía confiar. A él tamén acudían se había dúbida sobre a posición dalgún vinte, ou se a bóla ultrapasara ou non a liña de meta.

De maneira lenta, mais efectiva, case sen decatármonos, imos perdendo os nosos xogos populares; as novas xeneracións xa non coñecen a porca, os vintes, a petanca, as pedriñas ou a billarda. Todos eles fixeron parte da forma de ser e de estar dos nosos pais, avós e de toda a estirpe de devanceiros. Nestes xogos permanece un forte sustrato de pobos primitivos que durante moitos séculos foron capaces de permanecer vivos. Chegaron os últimos cincuenta anos da nosa historia para mandalos para o esquecemento.

Un pobo enferma cando non é capaz de cuidar o seu patrimonio; os xogos populares son unha parte moi importante desa riqueza; é o momento de que todos nos poñamos a andar para querelos, valoralos, recuperalos e practicalos; trátase de darlle o valor que merecen e socializar aos máis novos na práctica e goce dos mesmos.

Puntos:
27-01-06 17:55 #174780 -> 174590
Por:No Registrado
RE:RE: fomenta-los xogos populares. A PORCA
A PORCA

Trata-se dun xogo moi estendido, con elementos semellantes ao hockey ou ao golf, deportes popularizados moito despois da existencia da Porca (tambén chamada Pino ou Cachona nalgumhas zonas).

Foi un xogo de nenos, fundamentalmente xogado no inverno nun espazo aberto e amplo, normalmente no entanto se cuidaba do gando.



Os elementos do xogo son un pau (caneira, cacheira, moca), feito tradicionalmente de uzeira, de cuatro a seis cuartas de lonxitude, e unha bola (porca, pino), feita de madeira dura e de seis a doce centímetros de diámetro.
O campo de xogo ten que ser aberto, con tantos buracos (nichos) como participantes houber, repartidos en circo arredor dun grand buraco central (celeiro, santo, cortello...).


O xogo consiste en que o/a porqueiro/a ten de tentar introducir a porca no santo, encuanto o resto dos/as xogadores/as tentarán afastá-la cuanto máis lonxe poder. Se conseguir introduci-la, ao berro de Hai trocos, todos/as deberán trocar a sua fucha, momento no que o/a porqueiro/a tentará apoderar-se dun destes buracos, ben introducindo a súa moca ou un pé, e deixando-lle o seu posto á persoa que ficar sen el. Tambén pode roubar-lle o nicho a un outro xogador se este, por saír a atacar ao/á porqueiro/a, deixa abandoado o seu burato.

Variante
No princípio da partida, o/a porqueiro/a –colocado a carón do cortello- bate coa moca na porca, arroxando-a o máis lonxe posíbel. Os/as demais xogadores/as (empregando sempre a moca) tentarán introducir a porca no cortello. Ao conseguir isto um/ha xogador/a, substitúe ao/á porqueiro/a.

Unha outra variante consiste en fazer dúas equipas de entre 3 e seis xogadores/as con sendos cortellos, que deberán defender evitando que a equipa contrária introduza nel a porca. Gaña a equipa que consegue meter a porca no cortello da equipa contrária o maior número de vezes.
Puntos:
27-01-06 17:59 #174788 -> 174780
Por:No Registrado
RE:RE:RE: fomenta-los xogos populares. O PANO
O PANO

Xoga un número impar de individuos, xá que participan dous bandos iguais, de entre cuatro e oito xogadores/as, e un/ha xogador/a que fai de xuíz/a. Como elemento de xogo, precisa-se un pano ou unha trela de dúas cuartas de lonxitude.
Cada bando terá un/ha capitán/ana que asignará un número a cada un/ha dos/as seus/súas compañeiros/as, incluindo-se el/a mesmo/a. Se xogan seis por cada equipa, han-se numerar do un ao seis, tanto nun bando como no outro.


Delimita-se unha zona de xogo mediante tres raias, afastadas uns cinco metros entre si, que dividen o terreo en dúas zonas. Os/as xogadores/as colocan-se por tras da raia da súa zona, mentres que o/a xuíz/a coloca-se na liña do meio.
O/a xuíz/a estende o brazo á fronte, sostendo na mao o pano, e para xogar chama por un/ha xogador/a, dicindo, por exemplo: Que veña, que veña... o cinco. Os/as xogadores/as das dúas equipas que teñan asignado dito número achegan-se á carreira até a raia central, até chegaren de fronte onde o/a xuíz/a sostén o pano. Quen primeiro chega agarra o pano e foxe con el a todo correr até ultrapasar a liña do seu terreo. O/a outro/a xogador/a presegue-o. Se for "pillado/a", agacha e fica eliminado/a. Se non o for, o/a agachado/a é o/a perseguidor/a.
Cuando os/as dous/dúas xogadores/as chegan ao mesmo tempo á raia medial, terán uns momentos de indecisión, de tentaren mutuamente enganar-se con unha mao no acto de amagar fazendo que van coller o pano, até que un se decide e nun acto reflexo colle o pano e corre. Nos momentos de enfrontamento un/ha xogador/a pode ser agachado/a polo/a contrário/a, se este pisa mínimamente o terreo daquel.
Depois desta primeira chamada do/a xuíz, vén unha segunda, unha terceira, etc., até que nun bando non fiquen máis xogadores/as, momento en que remata o xogo. Depois de cada carreira, o/a capitán/ana da equipa perdedora ten que asignar o número perdido a outro/a xogador/a,q ue así actuará baixo dous ou máis números. Se o/a capitán/ana é agachado/a, outro/a xogador/a cualquer tomará o seu papel.
Puntos:
27-01-06 18:05 #174797 -> 174788
Por:No Registrado
RE:RE:RE:RE: fomenta-los xogos populares. TIRA CADENAS
TIRA-CADENAS

Este xogo era tradicionalmente praticado por rapazes nun tramo de idade entre os 7 e os quinze ou dezaseis anos, máis ou menos.
Mália se tratar dun xogo que se caracterizaba por empregar a forza física, non existía violencia na súa prática.
Tradicionalmente xogaba-se na eira ou no forno, dependendo das circunstancias climatolóxicas; e o número de rapaces precisos eran 8, 10 ou 12. Apartir deste número, a oferta adapataba-se á demanda, o único requisito era que tiñan que ser pares.
O tempo deste xogo acostumaba a ser na tarde ao vir da escola ou depois de gardar o gando e demáis tarefas.


Organización do xogo:

Dividian-se en dous grupos. Cada grupo escollía ao que ía ir na cabeza da ringleira, que cuase sempre era o máis forte do grupo. Unha vez formadas as ringleiras, cada participante pegaba da cintura do seu inmediato para turrar con forza, tensar e medir a presión do contrário. Mentres, os cabezas da ringleira collían-se das mans.

Desenvolvimento:
Este xogo está basado na sabia utilización da forza física e a pericia, era ideal para fortalecer habilidades e coñecimentos, tais como incrementar a forza física através do exercizo, a dosificación dos recursos, o aguante, identificar o momento oportuno, a labor de equipa, a coordenación de esforzos e movimentos, tanto no tempo como no espazo, o saber tensar, o deixar-se ir ou controlar a situación para dar o golpe de efeito no momento oportuno.

Gaña a partida a equipa que acada romper a cadea da contraria
Puntos:

Tema (Autor) Ultimo Mensaje Resp
Barsa ho madrid Por: xirondesa1 29-05-11 21:48
xirondesa1
6
obradoiro de emprego Por: No Registrado 01-09-09 13:04
No Registrado
8
decadencia da xironda Por: No Registrado 22-12-08 23:42
No Registrado
0
sobre las fotos Por: debora 27-06-06 00:02
A´Maranta
1
Simulador Plusvalia Municipal - Impuesto de Circulacion (IVTM) - Calculo Valor Venal
Foro-Ciudad.com - Ultima actualizacion:07/08/2020
Clausulas de responsabilidad y condiciones de uso de Foro-Ciudad.com